Ir o contido principal
03

A educación sexual e os dereitos sexuais

La educación sexual y los derechos sexuales :: Modelos de educación sexual

Modelos de educación sexual

Nos nosos días os conceptos relacionados co sexo áchanse por todas partes, fálase de sexualidade (a maioría das veces de ouvidas), úsase o sexo como reclamo de venda, xa sexan coches, alcol ou roupa, e os medios de comunicación subliñan de maneira ostentosa aquilo que pode ter un toque morboso ou de escándalo sexual. Pero, en paralelo, hai moi pouca cultura sexual. Para lograla resulta moi útil reivindicar a educación sexual nos termos en que o expuxo a Organización Mundial para a Saúde (OMS):

"A educación sexual debe abarcar moito máis que a información. Debe dar unha idea das actitudes, das presións, conciencia das alternativas e as súas consecuencias. Debe de aumentar o amor, o coñecemento propio, debe mellorar a toma de decisións e a técnica da comunicación". OMS, 1983

Segundo as palabras do filósofo Maurice Merleau Ponty formuladas en 1975 para referirse á sexualidade, "falar de sexualidade humana é falar da esencia mesma do ser humano". Esta visión supón un punto de partida á hora de coñecer, estudar e profundar na sexualidade humana en xeral e da educación sexual en particular. Debemos ter presente que cando nos referimos á educación sexual débese ter unha visión completa da complexidade do ser sexuado, e partir da consideración de que a sexualidade é unha parte integral da personalidade de todo ser humano. O seu desenvolvemento persoal pleno depende da satisfacción de necesidades humanas básicas, como o desexo de contacto, de intimidade, a expresión emocional, a procura do pracer, a tenrura e o amor. Así mesmo, debemos ter presente que a sexualidade se constrúe a través da interacción entre o individuo e as estruturas sociais, e que o desenvolvemento pleno da sexualidade é esencial para o benestar individual, interpersoal e social.

A educación sexual segue sendo a materia pendente do noso sistema educativo. Como materia non está integrada de modo formal no sistema curricular e, con todo, cada vez é máis necesario difundir coñecementos que logren cambiar certas actitudes sexistas que subxacen en dúas auténticas secuelas sociais: a violencia sobre as mulleres e a violencia sexual. Para erradicalas é moi necesario procurar unha boa educación sexual.

Ao longo da historia recente puxéronse de manifesto diferentes modelos de educación sexual que conviven nos nosos días, mesturándose e distorsionando mensaxes. Debido ás súas habituais contradicións e á ausencia de delimitación das súas fontes, o que debería ser unha disciplina converteuse en discursos con transfondos ideolóxicos que fan difícil concretar ensinos e teorías.

Educación tradicional

Este modelo tivo o seu maior auxe en Europa durante o século XIX e mantivo unha notable influencia no noso país até non hai moitos anos. Algunhas das súas características son:

  • A procreación é o principal obxectivo da sexualidade, isto devén en que se defende a sexualidade como unha característica que se desenvolve a partir da adolescencia e termina ao final da madurez (etapa fértil), polo que se nega a sexualidade infantil e a dos anciáns.
  • Liga o pracer á sexualidade do home e o sentimento á sexualidade da muller.

Educación higienista

O obxectivo desta educación é evitar riscos inherentes á actividade sexual. Insístese na abstinencia fóra do matrimonio ou no uso de métodos preventivos eficaces (segundo a ideoloxía). Non achega unha revaloración ética da sexualidade e fomenta a súa visión negativa co reforzo da idea de perigo asociada á práctica sexual.

Educación procreadora

Neste modelo, a educación depende dunha antropoloxía e unha moral de determinadas crenzas relixiosas. A información preséntase de modo nesgado e moralizador. Outorga á procreación toda a importancia e nega a anticoncepción. Ofrece un valor negativo á masturbación, a homosexualidade e as relacións prematrimoniais. Nega o dereito ao pracer e considera a sexualidade como un mero medio para un fin superior: a procreación.

Educación para a revolución sexual e social

Consecuencia de posturas ideolóxicas combativas, os contidos que propón para desenvolver unha educación mestúranse con militancia política. En termos xerais, as súas formulacións non teñen base científica e si ideolóxica polo que a súa transmisión pode encadrarse nunha postura vital pero non serven de base dunha educación plural e rigorosa. Achega á cultura a defensa de igualdade de dereitos sexuais no home e a muller, e inspirada nas formulacións de Freud, recoñece a importancia crucial da sexualidade no desenvolvemento da persoa, en todos os seus niveis emocionais e psicolóxicos.

Educación profesionalizada, democrática e aberta

Baséase en posturas plurais de ideas, no rigor científico e en actitudes democráticas, abertas e tolerantes. Insístese na procura dunha ética persoal ligada á práctica sexual e á asunción de actitudes responsables en relación á mesma. Este modelo quere selo desde o respecto pola pluralidade e a diferenza. Os seus obxectivos xerais son:

  • Transmisión dunha visión globalizada e positiva da sexualidade humana.
  • Coñecemento do propio corpo e as súas posibilidades como receptor e produtor de pracer.
  • Posibilitar cambios de actitudes, condutas e valores sobre a sexualidade humana.
  • Promoción da calidade de vida, mercé a un acceso a toda a información e orientación necesaria sobre a temática sexual.